casteloVista dos lugares de Folgueira, Vilaverde e Xian

Situada ao sueste de Culleredo, Castelo é unha poboación nomeadamente rural que habitan pouco máis de trescentos veciños. A actividade económica principal que destaca na parroquia é a agricultura e a gandeiría en niveis de autoabastecemento, xa que a maior parte da poboación traballa fóra do lugar.

Accédese a Castelo a través de seis vías, desde Carral (entrando por Vilaverde), desde Celas de Peiro (entrando por Xalo), desde o monte Xalo, desde Cabrois (entrando por Xian), desde Ledoño (entrando por Castelo de Abaixo) e desde Tabeaio (por Folgueira). Castelo é polo tanto un pequeno cruce de camiños, a entrada ao monte Xalo pola súa vertente de Culleredo, un lugar moi especial pola súa flora, pola súa ubicación e tamén, polas súas festas.

Destaca en Castelo a capela de San Ramón, a igrexa de Santiago e o cruceiro. Lonxe deste tipo de iconas, é importante falar do amplo campo da festa (un dos máis grandes en extensión da comarca), onde se celebra unha gran churrascada o último venres do mes de agosto, en coincidencia co San Ramón. Castelo ten ademais a polideportiva ao aire libre mellor equipada de Culleredo, cunha ampla cuberta e situada nun lugar privilexiado.

Catro entidades dan vida á parroquia durante todo o ano

Nos seis lugares da parroquia de Castelo (Folgueira, Castelo de Abaixo, Xian, Xalo, Vilaverde e Donepedre), convive un movemento veciñal organizado ao redor de catro entidades socioculturais e de veciños. Son a Comunidade de Montes de Mancomún de Castelo, que agrupa aos propietarios das parcelas que compoñen a parte do Xalo que corresponde á parroquia, a Asociación de Veciños de Castelo, con sede no local social Folgueira – Castelo, é unha entidade que agrupa a uns cen veciños da parroquia e organiza diferentes actividades, especialmente dirixidas aos máis maiores, ao longo do ano; a Comisión de Festas de Castelo, encargada de organizar os festexos dos dous patróns da parroquia, Santiago Apóstolo e San Ramón, e a asociación Castelo Deporte, unha das asociacións máis activas e dinámicas da provincia, que organiza actividades deportivas e culturais tanto en Castelo como no resto do concello.

Xosé A. Touriñán e Miguel Manteiga, as caras coñecidas de Castelo

Ademais de pola súa estratéxica ubicación como porta de entrada ao Xalo, Castelo é coñecido por contar entre os seus veciños con Xosé Antonio Touriñán, o actor, presentador e humorista de máis éxito na actualidade da Televisión de Galicia, e con Miguel Manteiga (exciclista profesional).