Do 20 ao 25 de agosto Castelo será a capital do humor, a tradición oral e a cultura rural en Galicia. Contaremos por milleiros as persoas que visitarán esta parroquia, e por iso nos propoñemos resolver algunhas cuestións que axudarán a que todo funcione como agardamos.

Onde podo consultar toda a información sobre as actividades do Castelo Conta?

O mellor é que visites a páxina web do evento (www.casteloconta.gal), porque aínda que nesta páxina resumimos boa parte da programación, non describimos con tanto detalle cada unha das actividades que terán lugar en Castelo do 20 ao 25 de agosto. En ola@casteloconta.gal e no teléfono 881 942 986 tamén resolvemos todas as dúbidas sobre o programa do festival.

Son veciño de Castelo. Teño que pagar polas festas?

Non. Un dos compromisos da Comisión de Festas coa organización do Castelo Conta é o de non cambiar a filosofía do que levamos facendo tantos anos aquí. Os veciños fan as súas achegas para ter festas, e por esa mesma razón os veciños non pagan por participar na maioría das actividades.

No caso do sábado, a participación na andaina e o xantar non teñen custe (aínda que é preciso anotarse), e para o espectáculo da noite os membros da Comisión deixarán unha entrada por cada veciño que viva nas casas de Castelo cando pasen a semana antes da festa.

Só a churrascada (coma sempre) e o espectáculo ‘Somos Criminais’ do venres terá custe.

Non son veciño de Castelo. Cales son os prezos e onde podo mercar as entradas?

De novo aconsellamos visitar a web do Castelo Conta (www.casteloconta.gal) onde está toda a información detallada sobre o prezo de cada actividade, así como os enlaces para mercar entradas por internet e os puntos de venda físicos.

Onde terá lugar cada actividade?

Pola semana, as actividades desenvolveranse nas diferentes aldeas de Castelo. Na web do Castelo Conta está toda a información sobre a ubicación de cada un dos eventos.

En canto á fin de semana, os grandes espectáculos de venres e sábado terán lugar nunha carpa que ocupará todo o campo da festa. A churrascada será na polideportiva, así como o concerto de Os Revenidos, o venres. O fin de festa do sábado coa Charanga Mekánica será tamén dentro da carpa.

Haberá aparcadoiros?

Por suposto, habilitaremos diferentes leiras en distintos puntos de Castelo, ben sinalizados, que funcionarán como aparcadoiros de balde.

 

infopracticalongo