As festas do San Ramón en Castelo do ano 2018, xa antes do seu comezo, pasan á historia. As razóns? Son as primeiras sen orquestras, e en cambio son tamén as máis longas, en duración, das que se fixeron nunca. Son as primeiras nas que a churrascada cambia de día para celebrarse o sábado, e son tamén as primeiras nas que a Comisión de Festas convida a todos os veciños a un xantar popular, o propio sábado.

Para a Comisión de Festas de Castelo o das grandes orquestras con milleiros de persoas chegou a ser un auténtico costume, ata unha rutina. Tamén o era pensar que todo sairía sempre igual de ben: que veciños e visitantes gastarían cartos a moreas na barra, que o monte aparecería limpo ao rematar a verbena, que chover… non chovería tanto.

E resultou que no bochinche deixamos de contar billetes coma antes, o botellón okupou o monte, e choveu, choveu moito. Tanto que só a axuda de Castelo e o esforzo da Comisión, falamos de dez, doce ou quince anos atrás, permitiron que as festas non remataran para sempre.

O cambio non foi radical. As festas incorporaron ano a ano actividades diferentes, coa axuda da Asociación de Veciños ou de Castelo Deporte. Organizáronse festivais, entroidos, e entón chegou o humor.

O Castelo Conta chegou ás nosas festas e ás nosas vidas. Soubemos entón que tiña todo o sentido do mundo o de facer festas sostibles, sen riscos, conservando todo o bo do apoio dos veciños, e rexeitando todo aquelo que non xeraba máis que preocupacións para a Comisión.

O ano pasado os veciños saían das casas nas súas aldeas para ver pasar aos participantes na andaina, e escoitar as contadas de Cándido Pazó e Evaristo Calvo, presentados por Xosé Antonio Touriñán, o artífice dunha das partes máis importantes desta historia. E despois foron á polideportiva, e cearon, e escoitaron música, e riron. E foi tan marabilloso que, sabendo como as luces da Panorama alumaban o ceo do Xalo, decidimos que as luces deste tempo debían alumar Castelo e á súa xente.

andaina