Veciñas e veciños de Castelo, amigas e amigos:

Chegaron de novo as datas máis especiais do ano. O San Ramón saca un ano máis o mellor de nós e o mellor de vós. Nós dedicamos o noso tempo a organizar as mellores festas do mundo, as da nosa parroquia. Vós colaborades xenerosamente para facelas posibles. E é así como cada ano, desde hai moitos, convertemos Castelo no centro do universo, ou ao menos do noso universo. Do noso e do voso.

Servía noutro tempo este saúdo para anunciarvos a presenza en Castelo de grandes orquestras, capaces de traer á milleiros de persoas á nosa parroquia. Sabedes ben que non é o modelo de festas desta Comisión, que desde o primeiro día quixo facer cousas diferentes: programacións sostibles, sen asumir grandes riscos, pensando na xente. E pensando tamén noutras cousas, como son a tradición oral, que permite levar de xeración en xeración todo o mellor do que había antes, ou a cultura rural, que non é nin máis nin menos que a vida enteira de todos os de aquí.

É por iso que outro ano traemos ao San Ramón a maxia do Castelo Conta. Un festival que nesta ocasión durará algúns días máis, que levará diferentes actividades por todas as aldeas de Castelo, e no que por suposto estades convidadas e convidados a participar. Nesta revista, e tamén na páxina web das festas, atoparedes a programación completa.

Non faltarán a churrascada, nin a alborada do domingo, nin as misas no Campo da Capela, nin a sesión vermú. Conservar o mellor das festas de sempre é tamén o xeito de mantelas durante moitos anos.

A todos os colaboradores, que poñedes os vosos anuncios nesta revista. Ás amigas e aos amigos que vos achegades sempre, polo Santiago e polo San Ramón. E por suposto, ás veciñas e aos veciños, grazas de corazón por permitirnos facer unha das cousas que máis nos gusta no verán, as mellores festas do mundo, as de Castelo.

Boas festas!

 

comision