cartel_sanramonAs festas grandes de Castelo celebraranse no 2017 entre os días 25 e 27 de agosto, cun programa de actividades que procura responder a dous modelos de festa: o máis tradicional, coas actividades que ao longo das últimas décadas encheron os carteis das festas en Galicia, pero tamén unha nova forma de organizar este tipo de celebracións na que as grandes orquestras perden protagonismo para que o adquiran outras actividades como concertos, andainas, ou espectáculos de monólogos e contadas pola parroquia.

Este ano a festa comezará o venres 25 de agosto, coa gran churrascada no campo grande, a partir das oito da tarde, á que seguirán as actuacións do grupo JJ&Son e a Orquestra Televisión.

O sábado 26 será o día do Castelo Conta, unha iniciativa inédita que xuntará en Castelo a algúns dos nomes máis coñecidos da televisión e o humor en directo en Galicia, como Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Federico Pérez, Pepo Suevos, Cándido Pazó, Carmen Méndez, David Amor, Oswaldo Digón ou Evaristo Calvo.

Haberá unha andaina á tarde (a partir das 17.00) que percorrerá as seis aldeas de Castelo, con monólogos itinerantes nalgunhas delas. Á noite (21.00) terá lugar na polideportiva unha cea á que todos os veciños estarán convidados, cun menú de mexillóns da ría e polo á brasa con pementos da Arnoia.

Contra as 22.30 horas comezará un exclusivo espectáculo de monólogos, ao que seguirán dous concertos, con Os Tristes, o dúo formado por Marcos Pereiro e Federico Pérez, e Los Claretes.

Na web do Castelo Conta está dispoñible toda a información detallada sobre a xornada do sábado.

O domingo 27 terá lugar a Romaría do San Ramón, con misas no campo da capela do San Ramón ás 10.00 e ás 13.30 horas. Haberá alborada por toda a parroquia desde primeira hora, e o Trío Armonía será o encargado de pechar a festa na sesión vermú, ás 14.30, na polideportiva de Castelo.